En agosto de
2014 o amigo Pablo díxome “vou preparar a Coruña10, acompáñasme?”. E así
empezou a miña afección polo running. Ata daquela só corría na aburrida cinta
do gimnasio e como moito tres quilómetros. Así que lle aceptei a invitación,
pero aviseino que “ata onde chegue, que non estou afeito”. Aquela primeira
experiencia lémbroa perfectamente, tardei 55 minutos e durante días sentín
maniotas.
Ao ano seguinte
incorporeime ao grupo de adestramento do Clube Atletismo Sada. A miña tarxeta
de presentación, os 47 minutos da Carreira da Auga, un crono que repetín á
semana seguinte na Coruña10. Adestrando por libre adestras si, pero non
aprendes. Con María Luisa e Raquel adestras e aprendes, fórmaste. Fas
quilómetros e sacas partido a dúas horas semanais que completamos logo con
quedadas do grupo ou sesións individuais.
Logo de sete
meses vense os resultados. Fun quen de percorrer unha media maratón cun
rexistro sobranceiro, 1 hora e 45 minutos, é dicir a 5 minutos o quilómetro. En
Padrón, na Pascua, deume unha media de 4 minutos e 25 segundos o quilómetro e
eran en total 13 de percorrido. Así e todo, a carreira10 do domingo pasado na
Coruña foi a mellor ata o momento. Funme cunhas sensacións marabillosas.
Para empezar, o
día. Logo dun sábado de diluvio, espertamos sen choiva e cunha temperatura
agradable. Eu xa fun andando aos Cantóns e nos dez minutos de paseo cruceime
con moita xuventude que regresaba da noite de troula, pero eramos maioría
aqueles que vestidos de curto lucíamos dorsal para a competición. Todo xogaba a
favor. Raquel asignoume ao grupo dos 4 minutos 30 segundos o quilómetro, pero
na saída non o localicei e ata o paso pola Solana non cheguei a alcanzalo.
Acompañeinos ata os campos da Torre, pero sentíame tan ben que rodei en
solitario. A medida que me achegaba á meta ía superando a outros atletas,
incluso fun tan osado que adiantei ao presi Fernando Míguez, pero desde o
respecto e o cariño ao que manda claro.
María Luisa
sempre nos di, picade o reloxo pero non o volvades mirar ata á meta. Eu confeso
que nos últimos quilómetros consulteino un par de veces para calcular o tempo e
acabei entrando en María Pita con 44 minutos e 11 segundos de marca. Certo que
segundo o meu Garmin a distancia superaba un chisco os dez quilómetros.
Marchei para a
casa e de camiño atopeime ao meu amigo Pablo que estaba rematando a primeira
volta da Coruña42. Se cadra, quen sabe, algún día, atrevereime. Pero antes
quedan moitos quilómetros, moitas horas e moitas experiencias por vivir e gozar
con Bea, Isabel, Lola, Tere, Luis, Jose, os Fernando, Antonio e todos os que
integramos este equipazo do Cas INEF.
