Entre zapatos de tacón e zapatillas de correr, entre ensaios de cabaré e series de 1.000, entre clases de atletismo e castings, entre martes e xoves a Inef e luns e mércores en Sada, entre carreiras por todo Galicia: Circuito Corre Coruña en Matogrande e nos Rosales, Cross en Fríol e na Torre, Media Maratón en Ferrol, San silvestre na Coruña, os domingos tiradas polo Mero, días de choiva, máis choiva, frío, saraiba, vendaval e temporais de mar, adestrar en Galicia é sempre duro pero tan fermoso!
…Así pasaron 3 meses, dende que a cabeciña de Inés e outros compis do Cas, decidiran que tiñamos que ir a Sevilla a participar no Campionato Español de Maratón.
E alá fumos unha pequena representación da gran Familia do Cas: Fernando, Juan, Dani, Fede, Marisa, Eliseo que se estreará na súa primeira Maratón, Inés, Jesús, Eduardo e eu, os tolos que querían correr a Maratón de Sevilla.
3 meses que pasaron tan rápido que case non nos deu tempo de queixarnos das tiradas longas, e de súpeto chegou o venres 19 e a expedición dos Galegos, os corredores e as nosas marabillosas familias partimos con rumbo a Sevilla.
O chegar imos recoller os dorsais, parada no hotel e primeira cea no Italiano, brindis pola maratón e os nervios comezan a facerse notar entre os corredores, dúbidas de última hora, ansias e formigas na barriga.
O sábado trote na mañanciña, fai sol e a temperatura moi agradable, e pola noite de cea outra vez italiano, chequeamos que os corredores teñamos todo listo para o domingo, a equipación oficial do Cas que non falte :) e xa cada un retírase ao seus aposentos, intentaremos durmir algo…..
Domingo 6 am. arriba.
7:45 chegada a zona da saída, quedada para a foto, e xa uns mínutos antes do pistoletazo de saida, as nosas caras de preocupación deixan paso a emoción e a ansía de comezar a correr.
9:00, comeza a carreira, rápido, imos moi rápido, Inés, Fernando e Juan saimos xuntos, os demais compis cada un no seu caixón, cos seus medos e ilusións como compañeiros de carreira.
Imos desfrutando, sentindo os kms, paso a paso, pero ningún fai ademán de aminorar, ata que no km 15 Inés quédase atrás, Juan tranquilízanos dicindo que só ten algunha molestia e que para para estirar, agora somos 3, seguimos correndo a bo ritmo pero no km 30 comezo a sentir algo de cansancio e os chicos notan que me quedo, tiran de mín e Juan, dime que aprete, que agora comeza a maratón, que tire para diante, que agora xa só queda seguir e manter o ritmo, fago un pequeno esforzo para non quedarme atrás pero no km 32, separámonos, Juan despois de darme ánimos quedase un pouco e Fernando colle ritmo e segue para diante como se voase. Quédome soa entre os dous, agora comeza a parte dura, a de loitar coa cabeciña, a de non renderse, a de pensar en positivo.
Cando chego o km 36 miro para a dereita con ansía, sei que están as nosas familias animándonos, alí están, e son o mellor da carreira, “veña que vas moi ben”, dinme, saben que falta aínda o máis duro e eles poñen todo da súa parte para que non nos rindamos, ver os nenos animando aos adultos faiche sentir feliz de pertencer a familia do Cas.
A partir de aquí síntome mellor, consigo recuperar o ritmo e os kms van caendo, confío no adestramento, confío en mín, confío no meu adestrador Alberto, e sei que chegarei a meta.
No km 40, comezo a escoitar o meu nome unha e outra vez, estou desconcertada, penso que será a miña sobriña, que quere vir comigo os dous derradeiros kms, miro para atrás e quédome coa boca aberta, ahí ven Inés a imbatible, toda a carreira preocupada pensando que viña bastante atrás e vexo que se me acerca e me pasa, ahí vai, a súa enerxía é inagotable, volvo erguer a cabeza e penso, agora sí, vou detrás de Inés, veña, xa chegamos.
Entrar no estadio e cruzar a meta é sensacional, memorizo cada segundo, cada sensación, quero lembrar cada un dos segundos desta pequena Odisea, deste camiño que comezara 5 anos atrás cando corrín a miña primeira Maratón na Coruña.
Achégome a Inés, dannos as medallas e penso: Obxetivo acadado, felicidade perfecta.
Felicidade por rematar a Maratón, felicidade por sumar outra, por sumar kms, por sumar amigos, novos compañeiros de Maratón e novos compañeiros da Vida.
Grazas.
